A orixe desta data é algo controvertida.

A versión máis escoitada di que:

A comezos do século XX, moitas mulleres incorporáronse ó traballo nas fábricas nunhas condicións moi duras: xornadas laborais moi longas, de doce e máis horas, recibindo salarios inferiores aos dos homes.

A medida que as mulleres se ían incorporando ao mundo laboral, facíase máis evidente que aquela situación non era xusta, e pouco a pouco empezaron a organizarse.

Unha das protestas, reivindicando mellores condicións laborais, foi a que protagonizaron as traballadoras da fábrica téxtil Cotton de Nova York, en Estados Unidos.

Era o 8 de marzo de 1908 e as traballadoras encerráronse no interior para pedir que se lles reducira a súa xornada laboral a 10 horas.

Os propietarios da fábrica decidiron incendiar o edificio para facelas saír de alí, pero o resultado foi de 129 traballadoras mortas.  

A cor lila con que se identifica este día é porque dese ton era o tecido que estaban a facer as obreiras o día que morreron. 

Unha segunda versión di:

Que a anterior está baseada en feitos erróneos, xa que nunca existiu tal incendio e que o feito que se lle achacara ao mesmo pode deberse a que os historiadores conservadores norteamericanos e europeos quixeron ocultar a orixe comunista desta celebración. A decisión de converter esta celebración nunha festividade internacional correu a cargo de Clara Zetkin (1857-1933), líder do movemento alemán de mulleres socialistas. Pero a proposta presentada non era do todo orixinal. Tiña uns antecedentes nos que inspirarse, o Women's Day que as socialistas estadounidenses levaban celebrando desde 1908, coa finalidade de reivindicar o dereito ó voto para as mulleres.

Estes son os feitos puntuais, que nos serven de referencia concreta para conmemorar este día, pero o 8 de marzo é moito máis ca celebración duns feitos concretos. Por iso, neste día, dedicamos unha xornada de reflexión sobre o longo camiño cas mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

Só temos que fixarnos que entre o ano 1908, en que sucederon os feitos da fábrica Cotton en Nova York, e 1975 cando Nacións Unidas declara o 8 de marzo "Día Internacional da Muller", pasaron case 70 anos.  

 O día da muller traballadora é unha xornada de conmemoración, e non de celebración, porque recorda un feitos moi desgraciados como para festexalos.

Todo isto deu pé, ás mulleres, a tomar iniciativas para ser tratadas co respecto que se merecen tódolos seres humanos.    

Para saber máis sobre a historia: