O CATECISMO DO LABREGO

(Letras Galegas 2.003) 

PERSONAXES.

  • Presentador

  • Cura

  •  Xan

  •  Maruxa

  •  Rosiña

PRESENTADOR.-

Eu vouvos presentar esta obriña coas mesmas palabras do autor o Tío Marcos da Portela. 

 Como ides ver nesta adaptación da obriña titulada” O Catecismo do Labrego”, é unha representación que ten cheiro , sabor e color da nosa terra. 

Os  coitadiños paisanos galegos marchan levando sobre o lombo a pesada cruz das súas calamidades e desgracias. 

Todos fan co infeliz Xan Paisano o oficio que fixeron os xudeos co noso Señor, e alá vai  Xan e a súa familia caéndose a cada paso co peso da cruz. 

Tódalas desgracias que lles suceden verédelas reflexadas no Catecismo. 

Parece que está feito en broma, pro rindo,rindo... vanse dicindo as verdades, pois xusto é que xa que o único dereito que nos deixan é o do pataleo , fagámolo de boa forma. 

En primeiro lugar, D. Xaquín, o señor abade, vaille dar un repaso ó que debe se-la declaración dos labregos, que como vedes, están a face-lo de sempre, labra-la terra. 

Eu non vos digo máis, escoitade esta representación do Catecismo do Labrego , que logo vos habedes rir un pouco.  

CURA.- (Entrando) ¡Home, Xan,! ¡Canto tempo sen verte! ¿Como andas?  

XAN.- Andar...andar... pouco e darrastro.. ¡Estas costas... estanme matando en vida! 

CURA.- ¡Non te queixes tanto home, que o exercicio é bo, e moi sano. 

XAN.- (Ó público) ¡ Si,si,... por iso fai el tanto! 

CURA.- ¿ Como dis?  

XAN.- (Ó cura) Ben..., será bo,... se vostede o di... 

CURA.- ¡Home Maruxa! ¿Como estás?, Non te vin o domingo na misa. 

MARUXA.- (Ó público) ¡Diaño de cura! ¡Non se lle escapa unha! Parece que sempre anda a pasar lista dos que faltan.

CURA.- ¿ Como dis? ¿ Que tes estado mala da vista? 

MARUXA.- (Ó cura) Non home non. Eu estou ben. 

CURA.-  Pois séntate aquí un pouco, que vos vou preguntar algo da doutrina galega, só por ver se se vos esqueceu. 

MARUXA.- (Ó público) ¡Si home si, sentados vanse sacha-las patacas! ¡Se en vez de preguntar votara unha man ás herbas! 

CURA.- A ver, Xan,... ¿Sodes labrego? 

XAN.-  ¡Si, pola miña desgracia! 

CURA.-  E... ese nome de labrego ... ¿De quen o recibiches? 

XAN.- Recibino do sacho, que me fai callos nas mans, recibino da terra que rego coa suor da miña testa; recibino das mouras fames que paso, do aire que roxe nas miñas faldriqueiras porque están valeiras , e doutras “cativezas” entre as que vivo. 

CURA.- Bueno.... bueno, non te queixes tanto... E... ¿ Que quere dicir ser labrego? 

XAN.- Quere dicir: Home acabadiño de traballos, ser unha besta de carga, na que tanguen todos a rabiar, espantallo que leva as faldriqueiras nos pantalóns por fantasía, bicho que se arrastra como as cobras, que fura na terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que a semellanza dos burros dos arrieiros, levan viño e beben auga... e que vén ser considerado como un ninguén, por iso lle chaman Xan Paisano. 

CURA.- E... ti Maruxa, ¿Que entendes por home de labranza? 

MARUXA.- O home de labranza élle  coma unha casta de boi posto de pé, unha máquina de sacar cartiños da terra.

CURA.- ¿ E.. cal é o sinal do labrego?

 MARUXA.- A pobreza.

 CURA.- E ... ¿Por que? 

MARUXA.- Porque nela nacemos,vivimos e morremos.

 CURA.-  ¿De cantas maneiras usa o labrego deste sinal?

 MARUXA.-  De dúas.

 CURA.- ¿Cales son?

 MARUXA.- Aunar ó traspaso e andar á miñoca.

 CURA.- ¿Que cousa é aunar ó traspaso?

 MARUXA.- Élle unha  cousa moi condenada, que fai devece-las carnes, abri-la boca, ronrona-las tripas e infla-lo estómago de aire. 

CURA.- E ... ¿ Que cousa é andar á miñoca? 

MARUXA.- Pois .. venlle a se-lo mesmo, andar á miñoca é deitarse con fame, sentir gañas de comer pan e beber viño , e non ter nin unha nin outra. 

CURA.- Mostrade como. 

MARUXA.- Mire señor abade,... meto por equivoco as mans nas faldriqueiras e soamente encontro aire...collo o saco de gran para ir ó muíño, e non collo máis que saco, porque está baleiro.  Vou á casa dos que teñen a pedir un peso prestado e se non me dan coa porta nos fociños , despáchanme con palabras moi bonitas, pero sen o diñeiro que lles pido. 

CURA.- ¿ E.. por que metedes as mans nas faldriqueiras? 

MARUXA.- ¡Bo... ! Pois por non perde-lo costume que herdamos dos nosos pais. 

CURA.- ¿ Por que as levades á boca? 

MARUXA.- Pois para enganarnos pensando que son  pan, para ver se deste xeito enganamos o estómago.

 CURA.-  A ver ... Xan, e ... ¿Cales son os vosos inimigos?

 XAN.- ¡Ai señor cura! ¡Cóntanse por centos! 

CURA.- ¿E que inimigos son eses?

 XAN.- A maiores do mundo o demo e a carne como teñen tódalas persoas, nós temos un fato deles: a miseria na casa, o veciño de porta con porta, os pedriscos nos eidos, e moitos máis que lle podería nomear. 

CURA.- ¿ E... traballando arreo podedes solucionalos?

 XAN.- Non padre , nin con esta.( Fai coa uña)

 CURA.- ¿ E por que non? 

XAN.- Porque non hai cartos que lles cheguen  nin o traballo rende para telos contentos. 

CURA.-  Xa vimos como sodes labregos, como estades acabadiños pola fame que pasades..., pero decídeme agora: ¿ Cantas cousas  está obrigado a saber e entender o labrego cando chega a ter uso de razón? 

XAN.- Catro cousas.

 CURA.-  ¿Cales son?

 XAN.- A primeira: sabe-lo que deixa de comer.

            A segunda : sabe-lo que ten que traballar.

            A terceira: esquecerse do que ten que pagar.

            E a cuarta: Non acordarse do que ten que recibir. 

CURA.- Imos alá coa primeira: ¿Como saberá o que deixa de comer? 

XAN.- Acordándose das paparotas dos outros...,botándolle olladas degorantes ós escaparates onde se vende xamón,salchichóns, polos asados,doces ... e outros manxares e non poder botarlle a man...

 CURA.- ¿Como saberá o que ten que traballar?.

 XAN.- Moito, vendo que hai que manterse, que o presuposto de gastos é un pozo sen fondo, que o presuposto de ingresos é como unha cesta furada, que sen cartos non se pode dar un paso neste mundo, que nin xiquera é un xente, e que sempre temos que solta-los cartiños dunha maneira ou doutra. 

CURA.- Imos coa terceira: ¿Cómo poderá esquecerse do que tedes que pagar?

 XAN.- pois verá, señor cura, iso só se pode facer das seguintes maneiras: Póndose bébedo, volvéndose tolo ou meténdose cen metros debaixo da terra. 

CURA.- ¿como non se terá que coidar do que ten que recibir?

 XAN.- Esta si que é fácil. Pois nin pasándoselle pola cabeza  que ha recibir cousa que sexa de proveito nin que valía diñeiro, porque os labregos ... de recibiren nada, como non sexan patadas e labazadas.

 CURA.- Vexo que hoxe non tedes un bo día. Paciencia... Mira que vén por alí , ¿Non é a vosa filla  Rosiña?... ¡Está feita unha moza!

 MARUXA.- Si ... ¡O traballo espabila á xente!

 ROSIÑA.- Bos días, padre, parece que está a entrete-los meus pais, Bueno tamén lles cómpre un folgo.

CURA.- Bos días Rosiña, ¡Cómo medraches! ¡ Parece que foi onte cando te bauticei! E... por certo, ¿como andas no Catecismo? 

ROSIÑA.-  Ben, ben, pregunte. 

CURA.-  Pois comezaremos polo Credo. A ver... a ver....¿ Quen dixo o Credo?

 ROSIÑA.-  Os Apóstolos.

 CURA.- ¿E para que?

 ROSIÑA..- Para que andemos con el na boca.

 CURA.- ¿E ti para que o dis?

 ROSIÑA.- Para que Deus me teña da súa man, que boa falta me fai. 

XAN.- Ben padre, nós deixámolo coa nena, que aínda temos que cavar outra leira.

 MARUXA.- Ata logo señor cura

 CURA.-  Ata logo, ide con Deus. E nós seguimos logo, Rosiña. A ver... ¿Que cousa é fe?

 ROSIÑA.-  Crer o que non vimos.

 CURA.- E.. ¿Víche-las moedas de dous euros? 

ROSIÑA.- Non, padre.

 CURA.- ¿ E os billetes de banco de 500 euros?

 ROSIÑA.- Aínda menos , padre.

 CURA.- E...¿ Ti cres neles? 

ROSIÑA.- O que é crer, creo...

 CURA.- E ¿ Por que o cres se non os viches?

 ROSIÑA.- Porque oín falar deles na televisión e porque sabemos que os nosos cartiños vanse xuntando pouco a pouco para se converter  en billetes nas casas dos ricos.

 CURA.- ¿Que cousas son as que credes como labregos?. 

ROSIÑA.-  Eu e máis meus pais cremos nos artículos, sobretodo segundo se conteñen no credo. 

CURA.- ¿E... para que son os artículos? 

ROSIÑA.- Para dar noticia dos deuses da nosa aldea.

 CURA.- ¿ Que é para ti o inferno?

 ROSIÑA.- Pois é a aldea na que viven os labregos.

 CURA.-  Pois logo ... ¿Cantos infernos hai? 

ROSIÑA.- Hai o inferno dos que pagan os impostos e non teñen pan para levarse á boca e o limbo dos nenos onde se fai a aprendizaxe para ser labregos : esfarrapados, con moitísima fame gardando o gando no monte, xuntando na leña e sen ver nin xiquera unha letra na cartilla... 

CURA.- ¿Ademais do que levas dito , ti cres noutras cousas? 

ROSIÑA.- Si padre, porque todo o que levo dito é pouco. 

CURA.-  ¿Que cousas son esas?

 ROSIÑA.- Iso non mo pregunte a min , que non poderei contestalo, porque aínda son moi nova.

 CURA.- fas ben en calar ,Rosiña, porque en boca cerrada non entran moscas e ó bo calar, chámanlle labrego. (Entran Xan e María)

 XAN.- Pero...¿ Aínda seguides aquí? ¡Non lle me faga tantas preguntas á nena, pregúnteme a min! 

CURA.- ¡Vaia home... ti voluntario para algo...seguro que cavaches pouco, e llo deixaches todo para Maruxa. 

XAN.-¡ Mira este , .. como cavou el tanto...! 

CURA.-  Moi ben Xan, xa vimos que sabede-lo que hai que crer. Vexamos agora se sabede-lo que hai que pedir. Das oracións que rezades. ¿Cal vos gusta máis? 

XAN.- O Padre Noso.

 CURA.-  ¿Por que?

 XAN.- Porque ten  sete peticións, que son poucas para nós, pois temos moito que pedir. 

CURA.- ¿ Cales son?

 XAN.-  A primeira é : Santificado sexa o teu nome.

 CURA.-   E  ... ¿ Que pedides con esa petición?

 XAN.-Que lauden a Deus , coma nós, aqueles que só se acordan del cando lle cómpre, e pásanse a vida facéndonos rabear.

 CURA.- ¿Cal é a segunda?

 XAN.- Veña a nós o teu reino.

 CURA.- ¿Quen lle pide iso?.

 XAN.-  Aqueles que pensan que tódalas cousas do mundo se fixeron para eles, e errapañan co seu e co dos veciños.

 CURA.- ¿E vós pedide-lo mesmo?

 XAN.-  Nós pedimo-lo reino de Deus, porque o deste mundo anda moi lonxe das nosas oracións. 

CURA.- ¿Cal é a terceira petición? 

XAN.- fágase a túa vontade na terra como no ceo. 

CURA.- ¿Que pedides con esta?

 XAN.- Pedimos que Deus veña gobernar este cotarro, que anda levado do demo.

 CURA.- ¿ E a cuarta petición cal é?

 XAN.-  O pan noso de cada día dánolo hoxe.

 CURA.- ¿ Que pedides aquí?

 XAN.-  ¡ E vostede non o ve , santiño! Pedímoslle pan para levar á boca, que para nós anda polas nubes. Pedimos algo de comer, xa que traballamos coma burros, e non é moito pedi-lo pan, porque o compango só é para  os que poden.

 CURA.- ¿Que se pide na quinta? 

XAN.- Perdoa as nosas débedas así como nós perdoamos ós nosos deudores. 

CURA.- ¿Que pedides con esta? 

XAN.- Pois que nos perdoen os que lles debemos uns cartiños, porque os nosos deudores ben perdoados están, porque ninguén nos debe nin un centavo.

 CURA.- ¿Cal é a sexta?.

 XAN.- Non nos deixes caer na tentación.

 CURA.-  ¿E... que pedides con non caer na tentación?

 XAN.-  Pedimos que Deus nos teña da súa man, porque tan amoladiños andamos que se nos deixamos levar polo xenio e.... caímos nunha mala tentación..... non queda cousa con cousa.

 CURA.- ¿E ...cal é a sétima e derradeira?

 XAN.- Mais líbranos de mal.

 CURA.- ¿De que mal vos pode librar?

 XAN.- Pois que nos quite Deus de entre esta xentiña , que non fai nada polo noso ben.

 CURA.- Oe ti Maruxa, ¿ E ... para que son os ánxeles?

 MARUXA.- Son para gardarnos, señor cura.

 CURA.- E Logo os labregos tedes ánxeles que vos garden?  

MARUXA.- Si padre, pero ás veces parece que dormen, a xulgar polo desamparo no que nos teñen.

 CURA.- ¡Durmirán, muller , durmirán.... Ben, vouvos deixar para que poidades seguir a traballar. Ata logo. 

MARUXA E XAN.-  Si , señor cura,si, o noso é traballar e traballar...

FiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiN