A ECLIPSE DE SOL.

Personaxes:

  • Inspector

  • Director

  • Xefe estudos

  • Coordinador actividades complementarias

  • Titor

  • Delegado

  • Compañeiros


Representación

 (Sobre o escenario, o inspector/a  pasea ata que decide chamar ao director/a)

 INSPECTOR/A AO DIRECTOR/A  : Señor Director, mañá haberá unha eclipse de sol, ás nove ; cousa que non ocorre todos os días. Faga saír a todo o alumnado en chándal ao patio para que vexan este raro fenómeno, e eu dareille as explicacións necesarias. En caso de chuvia non poderemos ver nada e levará ao alumnado ao ximnasio.

 (Marcha o inspector/a  e o director/a chama ao xefe/a de estudos)

O DIRECTOR/A AO XEFE/A DE ESTUDOS :  Xefe de estudos, escoite.  Por orde do Inspector, mañá haberá ás nove, unha eclipse de sol, segundo as instruccións dadas por el mesmo. Se chove, non se poderá ver nada ao aire libre ; e entón , en chándal, levará a todo o alumnado ao ximnasio, cousa que non ocorre todos os días.

 (Marcha o director/a  e o xefe/a  de estudos chama ao coord.de act. Compl.)

XEFE/A DE ESTUDOS AO COORD. DE ACTIVID. COMPLEMENTARIAS :  Coordinadora de Actividades complementarias, escoite . Por orde do Señor Inspector, mañá en chándal, ás nove, inauguración da eclipse de sol no ximnasio. O Señor Inspector dará as ordes oportunas se chove, o que non ocorre todos os días.

 (Marcha o xefe/a  de estudos e o coordinador/a chama ao titor/a)

COORD. DE ACTIV. AO PROFESOR/A TITOR/A : Profesora, atenda . Mañá , ás nove, o Señor Inspector, en chándal, eclipsará ao sol no patio, o que non ocorre todos os días. Se fai bo tempo e non chove, ao ximnasio.

 (Marcha o coordinador/a e o titor/a chama á delegada de clase)

TITORA Á DELEGADA DE CLASE :  ¡Delegada! . Mañá , a iso das nove, terá lugar a eclipse do Señor Inspector en chándal por efectos do sol. Se chove no ximnasio, cousa que non ocorre todos os días, sairase ao patio.

 (Marcha a titora e a delegada de clase chama polos compañeiros/as que se poñen sobre o escenario para escoitar a orde)

DELEGADA DE CLASE AOS COMPAÑEIROS :  Compañeiros, deixade de xogar e atendede. Mañá , ás nove, parece ser que o sol, en chándal, fará eclipsar ao señor Inspector no ximnasio , se non chove.

 CLASE A CORO  : ¡Lástima que isto non ocorra todos os días!

 

Pano