DIÁLOGO.

Personaxes:

  • Xusta

  • Dolores


Representación

                                             

 XUSTA .- ¿De maneira que pasaches na vila unha boa temporada?

 DOLORES.- Pasei, e se non me mandan meus pais volver á casa, dígoche miña filla,

                    que hoxe na vila seguía. ¡Eu nunca che vin tal cousa!.

 XUSTA .- ¡Non ...!  ¡Polo que din, aquilo é xeitoso!. Alí as diversións non faltan.

 DOLORES.- ¡Diversións,... e aducación, e limpeza. Fóra a ialma, aquí somos coma

                     porcos. Alí somentes a chambra está un pouco lixosa. Tes por forza que

                     tirala.

 XUSTA .- E logo, ¿é certo que se leva pór as unllas coloradas, e darlle aos labios

                  pemento?.

 DOLORES.- E estirrincar as pestanas, e arrincar os pelos das cellas , e dar ao redor dos 

                     ollos cunha cortiza queimada. 

                     E agora lévanse unhas faldas tan cortiñas, que os entendidos chaman

                     menifalda ..., e ás mozas cando lle cae algo ao chan, non se poden agachar,

                     porque se non .... ¡E cando se sentan ás mañás de sol á porta dos cafés, 

                     téñenno que facer con moito xeitiño, pois as miradas dos homes vanse

                     todas cara as súas pernas.

 XUSTA .-  ¡Jasús!  Entón as mulleres asemellan máscaras.

 DOLORES.- Pois estanche moi bonitas. Boeno, algunhas, pois outras pasan do cevil ao

                    creminal e parecen relaxadas. 

 XUSTA .- Eu non che estou moi dacordo con eses mexunxes, chacha. A muller que ten

                 bo ver, para aquilo de serche goapa, só precisa para gustarse, batuxarse ben

                 con auga, e cando máis, empañar uns polviños pola cara.

 DOLORES.- Pois si,  pero se algunha vai como ti dis,  pois nada, os mozos din que é

                    unha vella,  ou considérana parva. Como eles tamén andan con esas

                    chafalladas.

 XUSTA .- ¿Tamén os mozos se pintan?

 DOLORES.- Coma santos, vaia ...

 XUSTA .- Por Dios, muller,  que non cho creo.

 DOLORES.- ¿Que non mo cres?  ¡Palabra! .  E gastan a permanente coma calquera

                    rapaza. ¡Fan uns tupés!. E deixan medrar tanto as guedellas que ás veces

                    fan dubidar do xénero que son. E aínda hai algúns tan atrevidos que pintan

                  as cellas e o pelo... E levan pendientes.

                   Boeno, e non digamos nada dos zapatos cos tacóns altos e estreitos, e unha

                  variedade incontable de coloridos nas camisas e nos pantalóns, e o xeito de

                  andar que teñen algúns que parece que van caminando descalzos sobre toxos.

 XUSTA .- Eu comprendo que unha moza faga calquera tolería para lle gustar a aquel

home con que quere ver se casa. Pero un home que tal sexa, non pode andar fozando na cara con cortizas e pós. Iso dame tal noxo, rapaza, que se un deles onda min a falar viñera, ¡Deus me perdone!, mais penso que non lle quedarían ganas.... ¡marraus, iso non é de homes!

 DOLORES.-  Eu iso non sei, ...se cadra..., pero as modas mándano así e o mundo ten

                   que acatalas.

 XUSTA .- ¡Que noxo de mundo, filla!  ¿E ti tamén te pintabas?

 DOLORES.-  Eu somentes me pintei dúas veces, e mira, ¡estábache guapa!. Miñas

                   primas , que che están moi estudiadas, puxéronme dous luares... ¡se vises o

                   que lucían!... un aquí, xunto a esta ourella, o outro aquí, nesta queixada, que

                   aínda que naceran eles, non tiñan mellor feitura.

 XUSTA .-  ¡Ai, tola, tola!....Pois a min, se tal me pasa, aínda eu arda no inferno, nin por

                   canto hai neste mundo me botaba fóra da casa. ¡Que vergoña, deus do ceo!..

                   e se cando saio me cadra de atopar un coñecido, caio patrás en redondo.

 DOLORES.- Non, muller, non. Pero ti non ves que aínda que alguén atopases, non

                   sabería que eras ti.

 XUSTA .-  ¿Entón, ias tan desfigurada?

 DOLORES.-Claro. Fíxate. Ia coa cara untada de graxa, despois o colorete, derriba

                    enfariñada; os luares, unhas cellas ata as orellas pintadas , os ollos ao redor

                    negros , os fuciños coma grana e ...cubríndome a testa unha cousa coma un

                    garapiño de palla, unha noz e dúas cereixas de lado penduradas.

 XUSTA .-  ¿Entón eras o entroido? .Olla que foi boa lástima non vires así ao lugar. De

                    fixo que te escorrentaban os rapaces, e eu con eles.

 DOLORES.- Pois alí coma se nada. Andamos polo paseo, polas rúas, polas prazas..., e a

                    xente ri que te ri... porque a xente é moi simpática, e sempre che fala moito.

 XUSTA .-  Riríanse de ti , parva.

 DOLORES.- Mais se rían, ben que lles gustaba; íache ben preparada.

 XUSTA .-  ¿E falaches con alguén?

 DOLORES.- Falei muller, falei,...¡Funche moi visitada!

 XUSTA .- ¿E ti sabías?

DOLORES.- E logo.

 XUSTA .- ¿As túas primas enteiráronse.?

 DOLORES.- Claro; cando me dicían así, que se marchaban : “He teinido mucho justo

                   en tratala”. Contestáballe : “El justo es meu”, toda rindo porque eles

                   estoupaban.

 XUSTA .- Estouparían , estouparían, e razón non lles faltaba.

 DOLORES.- Pois non o creas. Aínda que facer, facer, fíxenche unha boa burrada.

 XUSTA .- ¿E cal foi?

 DOLORES.- Fun acender unha luz que había na sala, cunha vela , e non ardía; ata que

                      veu a criada e díxome : “No la encienda, que le es aléutrica la lámpara, e

                      faise no anterrutor”. Daquela quedei unha miga avergonzada.

  XUSTA .- ¡Oh, muller! ¿e como foi iso, ascaso non había máis xente que te observara? 

                   A verdade é que as túas primas sonche ben atrevidas, vaia; e ti meteches a

                   pata.

 DOLORES.-Máis a meterías ti. O que tes é unha envexa que non te lambes.  ¡Como 

                    nunca en tal te viches...!

 XUSTA .- Nin tal quero , miña santa. Eu xa non che teño primas que me metan en

                 liadas; mais se as tivese, de fixo qu cousa tal non me pasaba. Eu de entroido

                 non me poño cando de entroido non se trata, que eu póñome ao meu gosto,

                 e non me poño ao de ninguén; e se alguén quere rir, que a conta de outros o

                 faga.

 DOLORES.-Boeno, vale; que eu fago o que me da a gana. Que.. ninguén ten que ver

                coa miña vida, xa está ben. Ti vai saber que hai na túa e mira a ver se a tes

                gobernada.

 XUSTA .-¡Camiña, camiña! ¡Vaite!. ¡Lástema do pan que tragas! .

     

Pano