A BOLBORETA E A TARTARUGA

 Persoaxes:

  •  NARRADOR

  •  BOLBORETA

  •  TARTARUGA

 Narrador: Era unha tarde de Outono. As árbores espidas acaneaban co frío. Tódolos animaliños estaban metidos nas súas casas. Só unha bolboreta branca voaba por entre as pólas das roseiras buscando o zume dalgunha flor.

 Bolboreta: (suspirando) ¡Cando chegará outra vez a Primavera! ¡Ai...! Non me gusta   este xardín tan triste e emporcallado.

                   ¡Que pena das miñas ás tan bonitas!

                   ¿Onde descansarei para non mancharme?

 Narrador: A bolboreta, que era moi presumida, pouco a pouco foise poñendo triste. Era xa case noite cando se deu conta de que tiña moita fame e moito frío. Daquela escomenzou a chorar e exclamar:

 Bolboreta:   ¡Ai, ai, que desgraciadiña son!

                   ¡Ai, ai, quen me axudará...!

                   ¡Vou morrer coma non atope a ninguén!

                   ¡Socorro...! ¡Socorro...!

Narrador: Unha tartaruga que dormía debaixo da súa cuncha espertou ó ouvir os  choros da bolboreta. Abriu a boca dúas ou tres veces e dixo:

Tartaruga:(levantando a voz) ¿Quen chora por aí!

Bolboreta: ¡Eu, eu, por favor...!

Tartaruga:(achegándose pouco a pouco) ¿Que che pasa, bolboreta? ¿Por que berras tanto?

Bolboreta:¡Uf...! ¡Que bicho máis feo es! ¡Só tés cara de vella e unha cuncha emporcallada enriba!

Tartaruga: Ben, ¿e que? Eu son feliz así. Ti, pola contra estás chorando. ¿Que che pasa?

Bolboreta:¿Para que cho vou contar se ti non podes axudarme...?

Tartaruga: ¿E como o sabes?

Bolboreta: Porque eu non quero que me axude un bicho tan feo coma ti. Non quero que me luxes nin me rompas as ás.

 Tartaruga: Non estou emporcallada. É a miña cor.

 Bolboreta: De tódalas maneiras. Es moi bruta e... ¡eu son tan delicada!

 Tartaruga: Como queiras . Vou seguir durmindo, que é tarde e vai moito frío.

 Narrador:Aínda non acabar de falar a tartaruga  cando Eolo botou un sopro e a bolboreta perdeu o equilibrio e caeu contra o chan. A bolboreta quixo levantarse, pero non podía porque rompera unha á.

 Bolboreta: (chorando de novo) ¡Socorroooo...! ¡Socorro, bicho feo!

 Tartaruga:Escoita bolboreta presumida. Se queres algo de min terás que empezar por chamarme polo meu nome: chámome tartaruga e agora pídeme por favor todo o que queiras. Adeus, vou durmir.                

Bolboreta: (Suplicando) ¡Non me deixes soa...!

                   ¡Non te vaias, por favor tartaruga!

                   Se me deixas morrerei e quero vivir para esperar a Primavera.

Tartaruga: Está ben. Vou por ti. Non te movas. Pasarás a noite comigo. Mañá           pensaremos o que podes facer.

Narrador:  A tartaruga camiñou ata onde caera a bolboreta. Achegouse a ela, que acaneaba de frío e levantando a súa cuncha tapouna.

Bolboreta:  ¡Que ben se está aquí! Es moi boa tartaruga. Esta cuncha é unha casa de verdade.      ¡¡Que parva fun e que equivocada estaba!!

Narrador: E a tartaruga e a bolboreta botáronse a durmir paseniñamente.                                  

 

Fin